A Mesa electoral forma parte da Administración electoral, xunto coas Xuntas Electorais.
Está composta por tres persoas -un Presidente ou Presidenta de Mesa e dous vogais que sexan menores de setenta anos e saiban ler e escribir.
As persoas que forman parte da Mesa serán elixidas por sorteo entre todas as persoas censadas na Mesa.
O Presidente ou Presidenta debe ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.
A selección das persoas que forman parte das Mesas corresponde aos Concellos, mediante sorteo realizado en sesión plenaria, aínda que o sorteo se pode realizar perante a Xunta de Goberno Local, no caso de que o Pleno do Concello delegase nela esa competencia e sempre que se leve a cabo en sesión pública. Os sorteos realizaranse entre o 31 de outubro e o 4 de novembro ( Instrución 9/2019 JEC(Abrirase unha nova xanela)).
Todas as persoas que forman parte da Mesa, así como os suplentes que resulten finalmente designados ou designadas como membros titulares da Mesa:
Os cargos de Presidente ou Presidenta e vogais das Mesas electorais son obrigatorios e tamén o son os cargos de suplentes. Non poden ser desempeñados por quen se presente como candidato.
O Presidente ou Presidenta, os vogais e suplentes que non acudan a desempeñar a súas funcións incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.
A súa designación debe ser notificada aos interesados e interesadas entre o 31 de outubro e o 7 de novembro (3 días desde o sorteo). Coa notificación entregarase un Manual de Instrucións para as persoas que integran as Mesas electorais, supervisado pola Xunta Electoral Central e aprobado por Acordo do Consello de Ministros.
Quen fose designado Presidente, Presidenta e vogal das Mesas, dispón dun prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona causa xustificada e documentada que lle impida a aceptación do cargo. A Xunta resolve sen ulterior recurso no prazo de cinco días e comunica, no seu caso, a substitución producida ao primeiro suplente.
Se posteriormente, calquera dos designados estivese en imposibilidade de acudir ao desempeño do seu cargo, debe comunicalo á Xunta Electoral de Zona, polo menos 72 horas antes do día das eleccións, achegando as xustificacións pertinentes.
Se o impedimento sobrevén despois dese prazo, o aviso á Xunta terá de realizarse de maneira inmediata e, en todo caso, antes da hora de constitución da Mesa. En tales casos, a Xunta comunica a substitución ao correspondente suplente, se hai tempo para facelo, e procede a nomear a outro, se fose preciso.
O Presidente ou Presidenta, os dous vogais de cada Mesa electoral e os respectivos suplentes, se os houbese, reúnense ás oito horas do día 29 de novembro no local correspondente.
Se o Presidente ou Presidenta non acudiu, substitúeo/a o seu primeiro suplente. No caso de faltar tamén este, será substituído por un segundo suplente, e se este tampouco acudiu, toma posesión como Presidente ou Presidenta o primeiro vogal, ou o segundo vogal, por esta orde. Os vogais que non acudisen ou que tomen posesión como Presidentes serán substituídos polos seus suplentes.
Non pode constituírse a Mesa sen a presenza dun Presidente ou Presidenta e dous vogais. No caso de que non poida cumprirse este requisito, os membros da Mesa presentes, os suplentes que acudisen ou, no seu defecto a autoridade gobernativa, estenden e subscriben unha declaración dos feitos acaecidos e envíana por correo certificado á Xunta Electoral de Zona, a quen comunican tamén estas circunstancias telegráfica o telefonicamente.
A Xunta, en tal caso, designa libremente as persoas que terán que constituír a Mesa electoral, podendo mesmo ordenar que forme parte dela algún dos electores que se atope presente no local. En todo caso, a Xunta informará o Ministerio Fiscal do sucedido para o esclarecemento da posible responsabilidade penal dos membros da Mesa ou dos seus suplentes que no compareceron.
Se pese ao establecido no parágrafo anterior non puidese constituírse a Mesa unha hora despois da legalmente establecida para o inicio da votación, as persoas designadas no parágrafo terceiro deste artigo comunicarán esta circunstancia á Xunta Electoral de Zona, que convocará para unha nova votación na Mesa, dentro dos dous días seguintes. Unha copia da convocatoria será fixada inmediatamente na porta do local electoral e a Xunta procederá de oficio ao nomeamento das persoas que formarán parte da nova Mesa.
As persoas representantes de cada candidatura poden outorgar poder a favor de calquera cidadán ou cidadá, maior de idade e que estea en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos, ao obxecto de que exerza a representación da candidatura nos actos e operacións electorais. Trátase do apoderado ou apoderada.
Apoderados e apoderadas poden acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e do escrutinio en calquera Mesa, formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.
Os apoderados ou apoderadas, se non hai interventores da súa candidatura, poden actuar como tales ante a Mesa, participando nas súas deliberacións con voz e sen voto.
Os apoderados ou apoderadas deben identificarse como tales exhibindo as súas credenciais e o seu Documento Nacional de Identidade aos membros da Mesa.
Os apoderados ou apoderadas non votan na Mesa se non figuran no censo da mesma.
Cada candidatura pode nomear, a través do seu representante, ata tres días antes da elección, dous interventores e interventoras por cada Mesa electoral, mediante a expedición de credenciais talonarias, coa data e firma ao pé do nomeamento.
Estes interventores e interventoras poden asistir á Mesa e participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto. Para estes efectos, os interventores e interventoras de cada candidatura acreditados ante a Mesa poden substituírse entre si.
Desempeñan a súa función só na Mesa ante a que están acreditados.
Poden formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.
Votan na Mesa ante a que están acreditados, aínda que non estean incluídos no censo electoral da mesma, a condición de que figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa Mesa. En caso contrario, só poderán votar por correo na Mesa en cuxo censo figuren inscritos.
“O voto dos interventores deberá facerse na Mesa na que estean acreditados cando esas Mesa forme parte da circunscrición electoral na que lle corresponda votar en todos os procesos electorais convocados, debendo en cambio facelo por correspondencia en todos eles se nalgún destes procesos non se dá esa circunstancia” (Instrución 1/2019 da Xunta Electoral Central, do 23 de xaneiro)