Ao Ministerio do Interior correspóndelle a preparación e execución da política de Goberno en relación coa promoción das condicións para o exercicio dos dereitos fundamentais, nos termos establecidos na Constitución Española e nas Leis que os desenvolvan.
É a Dirección Xeral de Política Interior, dependente da Subsecretaría do Ministerio do Interior, a que ten encomendadas, entre outras, as seguintes funcións:
a) A xestión das competencias do Ministerio en materia de procesos electorais e consultas directas co electorado, e o mantemento das relacións necesarias coa Administración Electoral, en particular, coa Xunta Electoral Central.
b) A coordinación da xestión e desenvolvemento dos procesos electorais, así como as funcións que lles corresponden ás Unidades dependentes doutros ministerios con competencias en materia electoral e a coordinación coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno nesta materia.
c) A dirección e coordinación dos desenvolvementos informáticos e de comunicacións para a xestión dos procesos electorais.
d) A planificación, dirección e coordinación das actuacións en materia de ciberseguridade no ámbito electoral e da Rede de Coordinación para a Seguridade nos procesos electorais. Así mesmo, a participación en órganos, grupos de traballo ou reunións cuxa finalidade sexa garantir a seguridade e a loita contra a desinformación nos procesos electorais.
e) A información relativa aos procesos electorais, agás os datos relativos ao censo electoral, así como a custodia e difusión pública dos resultados electorais provisionais.
f) A participación nas reunións dos organismos nacionais, internacionais ou supranacionais con competencia en materia electoral.
g) A xestión das relacións cos órganos competentes das Comunidades Autónomas e cidades con Estatuto de Autonomía en materia electoral.
h) O rexistro e a aplicación do réxime xurídico dos partidos políticos.
i) A xestión das subvencións estatais anuais e das subvencións por gastos electorais das formacións políticas nos termos establecidos na lexislación vixente.
Ademais do Ministerio do Interior, participan activamente o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa (do que depende a Oficina do Censo Electoral), o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (no relativo ao exercicio do dereito de sufraxio dos españois no exterior), e a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A. (para o exercicio do voto por correo).
Tamén a Secretaría de Estado de Comunicación (Presidencia do Goberno) desempeña importantes funcións no proceso electoral (relacións cos medios de comunicación, roldas de prensa o día das eleccións, etc.)